O ARTESÁN

          Início-me no mundo da música tradicional aló polos anos oitenta, na Asociación cultural de Outeiro de Rei, onde escomenzo a miña aprendizaxe como instrumentista de percusión, chegando a tocar todos os instrumentos da percusión galega, buscando sempre a súa dignificación no panorama musical e social galego, pois a percusión sempre foi minusvalorada inxustamente. Dende entón estou en contacto permanente coa música tradicional, pois formei parte de diversas formacións músicais,(grupo de gaitas da asociación cultural de Outeiro de Rei, Lilaina de Lugo, Aloia de Muimenta, e na actualidade de Os Miñotos e Caldaloba).

          Ademais da miña faceta de músico, son socio da Asociación de Gaiteiros Galegos dende as súa legalización no ano 1989 e membro da súa directiva dende o ano 1991 actuando de secretario dende esa data, sendo o impulsor da realización da mostra de música tradicional do domingo das mozas, nas festas do San Froilán, e da Mostra de instrumentos musicais de Pardiñas.
          No ano 1990 é cando escomenzo a investigar como facer os primeiro tamboriles ou redobrantes e bombos, dun xeito totalmente autodidacta, a miña faceta de músico tradicional, conxugado co oficio de carpinteiro que aprendín da mau de meu pai, fan posíbel que poida facer o primeiro tamboril. Iste fíxeno porque naquel tempo eu non coñecía ningún artesán de percusión e os instrumentos que manexaba eu, non tiñan abonda calidade de son.
          Despois de un profundo estudio das proporcións de instrumentos antigos, fixen infinidade de probas para chegar a conquerir o son que eu buscaba, tanto no timbre, como na definición e corpo do son do instrumento, despois de este proceso de máis ou menos dous anos é cando chego as conclusións que hoxe aplico na construcción dos instrumentos de percusión.
          No ano 1995 é cando empezo a introducirme no mundo da zanfona, facendo un curso de iniciación para aprender a tocala, que organizou á asociación de gaiteiros galegos en Lugo, a partir desa data empecei a recoller información arredor do instrumento, e conquerir toda a bibliografía que me foi posíbel sobor da zanfona, tamén fixen un cursiño no Obradoiro da Deputación de Lugo, pero sen dúbida o que máis me axudou a facer a primeira zanfona foi a colaboración desinteresada que me prestou o Luthier Xermán Arias de Sarria, que se prestou a que fixera a miña primeira zanfona no seu obradoiro indicándome os pasos que el seguía para facelas e ensinándome as técnicas de lutheria que el aplica para a súa construcción.